RIBEIRA> No seu compromiso de avanzar na dotación de servizos básicos, o concello de Ribeira vén de iniciar as obras de saneamento no lugar de Campelos, en Olveira. A actuación, cun investimento de máis de 200 mil euros, ten un prazo de execución de 5 meses.
Representantes do goberno municipal de Ribeira desprazáronse esta mañá ata o lugar de Campelos, na parroquia de Olveira, ante o inminente inicio das obras para dotar de saneamento á aldea. Trátase dun investimento de máis de 200 mil euros que permitirá a tódalas vivendas da zona contar cun servizo tan básico do que aínda carecían.
A actuación complementarase coa pavimentación da estrada principal deste núcleo de poboación para mellorar a seguridade viaria.
O prazo de execución é de 5 meses polo que estará rematada a principios do ano que vén.











