LOUSAME> O Trail de Lousame bateu este ano tódalas expectativas superando os 500 participantes nas distintas categorías da proba. Alexande Otero e Bea Barroso impuxéronse na carreira longa mentres que Adrián Sesar e Julia Salvado proclamáronse campións do Trail Curto.
Neste 2025, o trail de Lousame bateu tódolos récords. Fíxoo en participación, con 519 atletas, o que obrigou a ampliar en 50 o número de prazas da carreira curta ante o gran número de inscricións rexistradas. E fíxoo tamén en resultados posto que o gañador absoluto da proba, Alexandre Otero, conseguiu baixar das dúas horas no Trail Longo, arrebatándolle o récord que ostentaba dende o 221 Elpidio Gómez, cun rexistro de dúas horas, un minuto e 41 segundos. O actual campión galego de Carreira por Montaña fixo historia cunha marca de 1 hora, 47 minutos e 28 segundos nos que completou o percorrido de 25 quilómetros. Compartiron podio con Otero, Damián González e Federico Losada, segundo e terceiro clasificados cun tempo por riba das dúas horas.
Na carreira feminina impúxose a noiesa Bea Barroso seguida por Lucía Peón e Shirley Carolina Garcés. No Trail Curto, o triunfo foi para Adrián Sesar, seguido de Maxi Oubiña e Savid Seage mentres que en categoría feminina compuxeron o podio Julia Salvado, Carmen Rodríguez e Nerea Castro.
O alcalde de Lousame, Esteban Ares, foi o encargado de dar a saída das dúas probas, agradecendo tanto a participación dos atletas presentes como poñendo en valor o traballo dos técnicos municipais e dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias que se encargaron de que todo se desenvolvera sen incidencias.
A proba foi a primeira organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, polo que os participantes acadaron os derradeiros puntos do ano para o circuíto Galicia Trail Running Series. Unha puntuación que pechará as clasificacións oficiais de finais de ano e que serán recollidas na Gala Anual da Federación.











