Os veciños de Santa Cristina de Barro urxen a toma de medidas contra os vertidos de lixo

NOIA> Tras varios anos sufrindo a proliferación de vertidos incontrolados, os veciños de Santa Cristina de Barro volven denunciar a situación. Reclaman, non só a limpeza da zona, senón unha maior vixilancia para poñer fin a estas prácticas incívicas.

Cansos, aburridos e fartos de protestar. Así se amosan os veciños desta zona residencial de Santa Cristina do Barro onde proliferan os puntos de vertidos incontrolados como este. Ademais do impacto paisaxístico que supón a acumulación de lixo, os veciños amosan a súa preocupación ante o que xa se converteu nun foco de infección orixinando problemas de salubridade na zona.

Consideran que esta situación é froito da desidia do goberno municipal ó que responsabilizan tamén do mal estado doutras infraestruturas como as beirarrúas.

Esixen a toma urxente de medidas como a limpeza frecuente da zona e o incremento da vixilancia para acabar con estas practicas reincidentes que se producen principalmente durante as fins de semana.