Calcinada por completo unha cociña dunha vivenda en Abanqueiro

BOIRO> Un incendio rexistrado a última hora da tarde de onte nunha vivenda unifamiliar ubicada na parroquia boirense de Abanqueiro obrigou ós bombeiros do parque comarcal de Boiro a ter que actuar de urxencia.

O lume orixinábase na cociña por causas polo de agora descoñecidas.

Nese momento non había ninguén na vivenda. Á chegada dos bombeiros ó lugar, as lapas xa foran extinguidas polos veciños, axudados de mangueiras e caldeiros, polo que o seu traballo limitouse en arrefriar e ventilar todo o espazo.

Os danos na cociña si foron importantes, ó quedar totalmente calcinada.

O resto das estancias da vivenda só resultaron afectadas polo fume.

Ademais dos bombeiros no operativo tamén participaron Garda Civil e Protección Civil de Boiro.