O CD Boiro buscará o trunfo este domingo no Vao

BOIRO> A vitoria do sábado ante o Somozas permitiulle ós de Fredi Álvarez coller algo de folgos despois dun mal arranque de tempada. Segundo derbi galego en dúas semanas para o Club Deportivo Boiro. Esta vez enfrontaranse ó Coruxo, un equipo que xa está asentado dende hai varias temporadas na categoría de bronce do fútbol nacional. Os de Fredi Álvarez viaxan ó Vao con aires renovados, despois da importante vitoria en Barraña do pasado sábado ante o Somozas por dous goles a un. Un trunfo que lles permitiu saír dos postos de descenso directo. Non o terán fácil neste partido ó que os dous conxuntos chegan igualados na clasificación con sete puntos. Para este partido o Boiro seguirá contando coa baixa do seu capitán, o dianteiro Ruben Rivera, que aínda non ten a alta médica e non puido iniciar os adestramentos cos seus compañeiros.A directiva boirense pretende alugar un autobús para este desprazamento e así posibilitar que os afeccionados que o desexen poidan acompañar ó equipo neste enfrontamento. Todo dependerá da demanda existente e ata última hora da tarde de hoxe non se pecharía esta opción. O inicio do encontro está fixado para as cinco menos cuarto da tarde. Polo que respecta ó resto de equipos galegos nesta categoría destacar tamén a viaxe do Pontevedra a Burgos, o partido do Lealtad co Celta B, o do Racing de Ferrol co Izarra e o encontro do Somozas coa Arandina.