Aumentan nun 33 % as descargas de mexillón no primeiro semestre do ano

    BOIRO> As descargas de mexillón aumentaron un trinta e tres por cento en Galicia durante o primeiro semestre deste ano. Así o destacou a Conselleira do Mar nunha visita a unha batea realizada esta mañá en Cabo de Cruz. Preto de oitenta mil toneladas de mexillón. Esta é a cifra de descargas do bivalvo en Galicia durante o primeiro semestre de 2017 fronte ós sesenta mil do mesmo periodo no pasado ano. Estes datos, unidos ó crecemento exponencial da facturación nas últimas anualidades, poñen de manifesto o peso específico da miticultura na economía galega. Por esta razón, a Xunta segue a apostar por este sector coa concesión de axudas que no 2016 ascenderon a un millón e medio de euros. A intención da Consellería é seguir en conversas co sector para o deseño de proxectos innovadores que poidan acollerse ás novas convocatorias de axudas nas que traballa a administración. Na súa intervención, Rosa Quintana destacou o potencial do sector bateeiro como máximo expoñente da acuicultura en Galicia. Por este motivo e de cara a simplificar os procesos administrativos, a Xunta ampliou o prazo de duración das concesións de ocupación das bateas, de 30 a 50 anos, A conselleira lembrou ademais que na primeira lexislatura, a Xunta puxo a cero os contadores das concesións bateeiras para que os seus donos puidesen seguir traballándoas.