Inauguradas as xornadas sobre as algas e a conserva no CIFP Coroso

    RIBEIRA> O Conselleiro de Educación inaugurou esta mañá as xornadas sobre a industria conserveira que se celebran no Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso. Durante toda a semana abordaranse as posibilidades comerciais dun recurso autóctono, pero pouco explotado, como son as algas. O Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso, en Ribeira, segue a ser un referente da interrelación entre a súa oferta formativa e o mundo empresarial máis próximo. De aí, as xornadas que se celebrarán no instituto durante toda a semana para analizar os pormenores da industria conserveira, unha das que ten maior peso en toda a comarca. O tema central será a explotación das posibilidades das algas, un recurso abundante e con moitas aplicacións, que ata o momento non tivo toda a aplicación comercial que debería. Tralo acto de apertura, o empresario Manuel Loureiro, fundador de conservas Lou abriu o ciclo de conferencias expoñendo a súa experiencia á fronte dunha empresa pioneira na comercialización de algas en conserva. O Conselleiro tivo ocasión de visitas as novas instalacións do centro que acolle un viveiro de empresas para que os estudantes poidan ter unha porta aberta cara o mercado laboral. Precisamente, ó longo das vindeiras xornadas serán algúns dos alumnos os que expoñan os seus proxectos. Haberá tamén presentacións de libros, exhibicións de cociña e charlas divulgativas que chegarán á súa fin o venres, co acto de clausura ás dúas da tarde.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí