O concello de Lousame aproba a moción da Plataforma contra o vertedoiro

    LOUSAME> O concello de Lousame presentará alegacións á planta de residuos que pretende construirse no municipio.  Anunciouno a alcaldesa nun pleno extraordinario tenso e moi concurrido, celebrado esta mañá, onde tamén se aprobou a moción promovida por unha plataforma veciñal que pedía o rexeitamento explícito da corporación ante este proxecto.  

    Esa era a intención da moción levada a pleno na sesión extraordinaria desta mañá pola oposición e promovida pola plataforma contraria ao proxecto de ubicar en Lousame o Centro de Xestión de Residuos. Nun pleno que reuniu a unha cantidade de veciños pouco usual, a alcaldesa leu as solicitudes que inclúe a moción contra o vertedoiro.  Na quenda de palabra da oposición, o PSOE esixiu maior información sobre o proxecto, desde Terras de Lousame deron un paso máis e rexistraron tralo pleno unha moción para que a parcela na que se pretende que ubicar o vertedoiro  sexa declaradacomo Espazo Natural de Interese Local. Desde o BNG consideran un despropósito o proxecto e presentaron tamén unha emenda. E canto ao goberno local, a alcaldesa, Teresa Villaverde, anunciou que xa están tendo reunións cos veciños das parroquias implicadas, e que nos vindeiros días o concello presentará as alegacións ao proxecto, para o cal xa encargou un estudo externo e consultará  cos Servizos xurídicos da Deputación. Así as cousas, trala votación, a moción da plataforma aprobouse co apoio do concelleiro de Terras de Lousame e do do BNG, e coa abstención dos concelleiros da corporación, do Partido Popular, e dos socialistas. Ambos grupos explicaron que se posicionarán ao respecto cando teñan nas súas mans tódolos informes técnicos e xurídicos sobre o proxecto.