Investigado un ex mozo de Diana Quer

    POBRA> A Garda Civil investigou a un ex mozo de Diana Quer que tería borrado varias mensaxes ameazantes enviadas á moza a través das redes sociais. Ademais as amigas da rapaza desaparecida alertaron de actividade recente na súa páxina de Facebook.

     

     

     

     

    Estas mensaxes ameazantes, segundo publica hoxe o Diario de Arousa, produciríanse desde hai aproximadamente un ano. Trataríase dun ex mozo de Diana co que rompería a súa relación sentimental hai bastantes meses, e que desde aquela, puido enviarlle mensaxes cun ton ameazante a través de aplicacións móbiles e redes sociais. Segundo as averiguacións dun dos equipos da Benemérita estas mensaxes xa foron borradas, crese, por parte do autor das mesmas.   Outro dato que transcendeu deste ex mozo de Diana investigado é que pertence ó mesmo círculo de amizades que o compañeiro de clase ao que a moza lle enviou as mensaxes de whatsapp a noite da desaparición cando regresaba á súa casa. Tamén se fixo público nas últimas horas que unhas amigas de Diana alertaron á Garda Civil de que o pasado 19 de outubro o perfil de facebook da moza desaparecida atopábase activo. Agora hai que investigar se podería deberse a que outra persoa tivese acceso ás claves de Diana ou mesmo que ela deixara activada no seu facebook a opción de lembrar contrasinal. Así as cousas os investigadores continúan sen ter pistas sobre o paradoiro da moza madrileña, que hai xa dous meses, desapareceu na Pobra.