Unha avoa de Ribeira denuncia acoso sexual ó seu neto nun colexio da Pobra

    RIBEIRA> Unha muller de Ribeira denuncia que o seu neto de nove anos foi vítima de acoso sexual nun colexio da Pobra, por parte doutro menor do centro, durante tres anos. Asegura que o caso está arquivado pero quere que se depuren responsabilidades e que non se repitan unha situación similar. Desde o centro educativo desmenten estes feitos.

     

     Esta muller de Ribeira asegura que o seu neto de nove anos padece un trauma e debe asistir ao psicólogo trala experiencia vivida no colexio Pilar Maestu Sierra da Pobra. Segundo a versión da muller, durante 3 anos sufriu acoso sexual por parte doutro alumno do centro, de 12 anos. En canto tivo coñecemento dos feitos esta avoa denunciouno. Fiscalía de Menores interveu no caso, pero segundo nos conta ela, quedou arquivado por ser o presunto agresor menor de 14 anos. Agora o seu neto está noutro colexio, ao que foi trasladado hai 15 días, e segundo nos conta, atópase moito mellor. Esta canle púxose en contacto con centro educativo Pilar Maestu Sierra, desde onde desmenten rotundamente os feitos dos que fala a muller. Aseguran que o único que aconteceu foi un altercado puntual entre dous menores o ano pasado no colexio, que nada ten que ver co acoso, e que nese momento quedou resolto a través do protocolo habitual ao que se debe recorrer nestes casos.