OUTES> O marco incomparable do porto do Freixo dará cabida á Primeira Feira Náutica que se desenvolverá entre o 1 e o 3 de xullo en Outes.
Trátase dun evento de dinamización territorial, turística e económica que non vai dirixido unicamente ós profesionais do sector senón tamén ó público en xeral que poderá disfrutar das numerosas actividades divulgativas, culturais e lúdicas que integran o programa.
Ademais da feira sectorial con gran presenza das empresas locais, o programa incluirá charlas, visitas e roteiros alternativos co fin de dar a coñecer o patrimonio marítimo da zona.
Entre os principais eventos destaca a mostra de embarcacións tradicionais ou un obradoiro de carpintería de ribeira, entre outros.
Como complemento, haberá tamén concertos e degustacións gastronómicas. A actividade está organizada ó abeiro do Galp Seo de Fisterra-Ría de Muros.Noia.
As empresas ou entidades interesadas en participar poden achegar as súas propostas a través do correo alcaldia@outes.gal.