Pontevedra> O conselleiro de Sanidade en funcións anunciou esta mañá que dende a Xunta de Galicia executarán as obras de ampliación e remodelación do actual centro de saúde da Illa de Arousa. Unhas obras que farán deste inmoble un lugar accesible e cómodo para os máis de 4800 pacientes da zona. Jesús Vázquez estima que estes traballos comecen o vindeiro ano.
Despois de moitos anos agardando parece que por fin a Illa de Arousa contará con novidades no seu centro de saúde. E aínda que dende a consellería de Sanidade non farán fronte a ese proxecto que presentaron dende o concello para levar a cabo un novo centro noutro terreo para esta zona, o conselleiro de Sanidade si que anunciou esta mañá que dende o Servizo Galego de saúde acometerán os traballos de ampliación e mellora do actual centro de saúde da Illa. Uns traballos que previsiblemente comezarán o vindeiro ano.
De momento non queren falar de orzamentos dende a Xunta de Galicia porque o que teñen na mente soamente é un borrador deste proxecto. Agora deberán pechar o mesmo coa colaboracións dos traballadores deste centro , sacalo a licitación e comezar as obras. Dende a Consellería si que anunciaron que neste proxecto se levarán a cabo ampliacións nas consultas, contará cun ascensor e con diversas melloras de acceso e que previsiblemente tamén se levará a cabo a construción de consultas novas necesarias para este centro que atende a máis de 4800 veciños da zona. O alcalde amosou esta mañá a súa satisfacción ante estes traballos dos que soamente pide que cumpran as súas expectativas.
Dende a consellería xa anunciaron que os terreos que lle foran cedidos no seu momento para a construción dun novo centro lle serán devoltos ao concello da Illa despois que de finalmente o centro de saúde se quede onde está e as obras que se acometan sexan de ampliación e remodelación.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/10outubro/25/a_illa_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/10outubro/25/a_illa.mp4{/flowplayer}