As vivenzas dun ribeirense que estivo no ‘Astral’

    RIBEIRA>> O ribeirense Rubén Lijó explicou ós alumnos de primeiro de Bacharelato do IES Número 1 a súa experiencia como voluntario coa ONG “Proactiva Open Arms” fronte ás costas de Libia. Rubén Lijó, ribeirense experto en salvamento e voluntario de protección civil, é unha desas persoas que de pronto se dan conta de que non poden quedar de brazos cruzados mentres senten que ó seu arredor a súa axuda pode ser necesaria. Esa é a idea que lles quixo transmitir ós alumnos e alumnas de primeiro de Bacharelato do Número 1 de Ribeira. Rubén, que vén tamén de ser condecorado polo concello ribeirense pola súa axudar na loita contra os lumes deste verán, viaxou este mes de xullo á costa de Libia, onde estivo a bordo do buque Astral, o velero de luxo reconvertido en barco de rescate. Era a súa segunda experiencia na axuda ós refuxiados sirios, poucos meses antes estivera xa en Lesbos. Sentiu que tiña que volver. Alí vívense momentos que Rubén non pode, nin quere, sacarse da cabeza. Unha desas persoas das que sentimos que temos moito que aprender. Rubén foi estudante deste IES Número 1 de Ribeira, e agora regresa ás aulas para concienciar ós rapaces e rapazas da importancia de axudar a aqueles que máis o necesitan.