A toxina obriga ó peche da campaña en Noia

    NOIA> Dende o pósito noiés confían en que a situación mellore nos próximos días e poida iniciarse canto antes a actividade. Non está a ser un ano excesivamente bo para os mariscadores noieses. Ós baixos prezos do marisco en lonxa, que está a condicionar en parte a campaña marisqueira, engádeselle esta semana a marea vermella, que obrigou ó peche das concesión e a conseguinte paralización da actividade. Este pasado luns o pósito recibía o aviso do Intecmar que informaba da presenza na Ría de niveis de toxina superiores ós permitidos que afectaban non só ós polígonos de bateas, pechados xa dende hai tempo, senón tamén ás zonas de bivalbos. As mostraxes que se están a realizar periodicamente determinarán nos próximos días a volta a actividade. Todo dependerá da evolución da toxina lipofílica estes días. A marea vermella veu agora condicionar unha campaña que xa non estaba sendo nada boa, especialmente en canto a prezos. A paralización da actividade extractiva afecta ó redor duns dous mil mariscadores, tanto de a pé como de a flote. Segundo os datos facilitados dende a propia Confraría noiesa cada xornada de peche supón unhas perdas diarias de aproximadamente uns douscentos mil euros.