Aprazado o xuízo contra unha xestoría que despediu a unha muller por falar en galego

    PONTEVEDRA > Finalmente quedou aprazado o xuízo contra a empresa de Pontevedra Gestores Fuentes Fernández S.L. por incomparecencia dunha testemuña crucial por parte da demandante. Montse Irago denunciou á empresa por despido improcedente. Di que tras esixirlle determinadas condicións innecesarias para aceptala, como que acudira ó traballo con saia, tacóns e maquillada, a empresa rescindiu o seu contrato, unicamente, por falar en galego.

    montserratirago_200_280606.jpgMontserrat Irago denunciou perante os xulgados un despido improcedente por un suposto delicto contra os dereitos linguísticos de calquer cidadán, como é empregar calquera das linguas oficiais recoñecidas, caso do galego. Tras recibir a carta de despido despois dunha semana de contrato en Gestores Fuentes Fernández S.L., recibiu un ‘te dije que no hablaras en gallego’ como única excusa.

    A demandante é consciente de que será a xuíza quen decida ó seu favor ou en contra, xa que non conta con mais probas que a súa palabra. A única testemuña que podería corroborar a súa versión non se presentou ó xuízo, polo que este tivo que ser aprazado ata o 12 de xullo. Segundo Montse Irago, a empresa que se encargou da selección do persoal para o posto na xestoría sí recibiu a queixa de que ela era a candidata idónea, pero que presentaba o ‘problema’ de que falaba en galego. Esa testemuña crucial para a demandante leva un tempo sen atender as súas chamadas telefónicas e hoxe non se presentou no xulgado.

    carloscalllon_200_280606.jpgNas últimas semanas, tras facer pública a denuncia, chegaron ó Observatorio de Dereitos Lingüísticos outras moitas queixas na mesma liña, desde diferentes puntos de Galiza e en situacións laborais diversas. Por eso, a Mesa pola Normalización Lingüística solicita que desde a Consellería de Traballo se prepare un plan específico de accións contra a discriminación lingüística no traballo, que parta do xa aprobado Plan xeral de normalización da lingua galega. O despido de Montse Irago rescata vellas polémicas en torno ás múltiples situacións nas que diariamente se cometen discriminacións por razón de sexo, lingua, raza ou calquera outra condición.

    Redacción Salnés