O inicio da rexeneración da ría noiesa retrasarase ata mediados de decembro

NOIA> Así o confirmou o propio alcalde noiés, Santiago Freire, despois da xuntanza mantida hai uns días con representantes de Portos de Galicia e tamén de Tragsa, empresa que acometerá a dita actuación. Trátase sen dúbida dunha das obras de maior calado das que se levan executado na localidade nos últimos anos, pola que dende hai tempo viñan agardando, ó considerala coma unha actuación prioritaria para o desenvolvemento tanto económico coma turístico da vila. Consciente da súa importancia o rexedor local, Santiago Freire, mantivo recentemente unha xuntanza con representantes de Portos de Galicia e tamén responsables de Tragsa, a firma que resultou adxudicataria das obras, coa finalidade de analizar as posibles afeccións do inicio da obra, incidindo na idoneidade de que os traballos non interfiran coa propia actividade marisqueira, un dos motores económicos da vila, evitando deste xeito calquera impacto ambiental que puidera producirse na dragaxe. Nesta primeira fase os traballos estenderanse dende o Peirao do Marqués ata a altura do Ferrador. O seu custe, preto dos 300 mil euros, que serán sufragados na súa totalidade por Potos de Galicia, xa que a área de actuación é de competencia autonómica.