As probas de peonalización en Ribeira levantan diversidade de opinións

    RIBEIRA> Dende o Concello afirman que o propósito desta medida, aínda en fase de estudo, non é causar prexuízos, senón todo o contrario. O que busca é mellorar as condicións de habitabilidade dos seus veciños. As probas de peonalización que se están a desenvolver dende hai varios días en diversas rúas céntricas do casco urbano de Ribeira están a provocar unha certa preocupación entre a veciñanza, especialmente no sector comercio. Con estas palabras a tenente de alcalde, Herminia Pouso, defendía a liña que está a levar a cabo o Concello neste asunto. Segundo ela as probas de peonalización que se están a realizar servirán como punto de partida á hora de introducir novos cambios, partindo das directrices establecidas no Plan de Mobilidade, na busca dunha cidade para as persoas e non para os coches. Aínda así, co fin de mellorar os problemas creados estes días, fundamentalmente en horas punta, de entrada e saída de colexios ou mesmo nas zonas establecidas para carga e descarga, o executivo ribeirense introducirá algunha que outra variación. É o caso da zona das paradas de autobuses en dous puntos: na rotonda da Serea e na confluencia de Otero Pedrayo con Rodríguez Bautista. Mentres tanto na rúa, hai opinións para tódolos gustos. A favor e en contra dos cambios. Aínda que a maioría considera que hai demasiados coches no casco urbano. O Concello ten previsto seguir efectuando novas probas nos vindeiros días e, máis en particular, é probable que a finais da presente semana se abra á circulación toda a rúa Rosalía de Castro ata o Malecón en horarios de 7.30 a 9 horas para verificar a incidencia do tráfico.