Pontevedra di NON a violencia machista en diferentes actos ao longo deste 25-N

Pontevedra> O 25 de novembro chegou con forza a Pontevedra. A Praza da Ferrería acollía o primeiro acto onde a presidenta da Deputación solicitaba a necesidade de crear un gran pacto de estado conta a violencia machista. Unha xornada de reivindicación que tamén se trasladou as rúas da cidade do Lérez, onde centos de estudantes tamén quixeron amosar a súa repulsa a violencia de xénero cunha gran cadea humana. 

 

Cun acto na Praza da Ferrería, así comezaba Pontevedra a súa celebración do día contra a violencia de xénero. Unha cita organizada pola Deputación de Pontevedra, onde a súa presidenta deixou enriba da mesa datos para reflexionar. Onde na cidade de Pontevedra se recibiron máis de 2245 chamadas para denunciar os malos tratos no 2015. Onde 822 mulleres en España foron asasinadas dende o ano 2013. Onde a ONU anuncia que cada 10 minutos un home asasina a unha muller no planeta. Con estes terribles datos sobre a mesa Carmela Silva considera imprescindible a creación dun gran pacto de estado contra a violencia machista. 

O alcalde de Pontevedra apelou á Educación na súa intervención. Segundo Lores este grave problema hai que combatelo dende a infancia, porque se non é así logo ten difícil solución. 

E ademais desta xornada na Ferrería os centros educativos de Pontevedra tamén se quixeron unir a este 25 de novembro, a este día internacional contra a violencia de xénero. Para isto organizaron unha gran cadea humana en repulsa a violencia machista. Alumnos dende os máis pequenos ata os máis mozos quixeron estar presentes neste día. Estes estudantes ían na súa gran maioría de negro e tiñan a súa mensaxe moi clara. 

Unha gran cadea humana protagonizada polos máis novos da nosa sociedade, polos estudantes dos centros educativos de Pontevedra que, neste 25 de novembro, tamén se quixeron unir ao berro de NON a violencia machista. 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/11novembro/25/violencia_ponte_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/11novembro/25/violencia_ponte.mp4{/flowplayer}