PONTEVEDRA> Curar á sociedade a través da arte. Ese é o obxectivo do Sanatorio. Un proxecto que está a piques de abrir as súas portas en Pontevedra. En concreto, nun antigo centro hospitalario do médico Celestino Poza.
En 1902 o médico Celestino Poza abría en Pontevedra o seu sanatorio. Un centro hospitalario situado na rúa Andrés Muruais que acabaría desmantelado tras a Guerra Civil. 119 anos máis tarde este edificio volve á vida co proxecto O Sanatorio. Un espazo interdisciplinar no que confluirán a cultura e a saúde.
O Sanatorio é un espazo social e aberto dirixido a diferentes prácticas culturais e artísticas. Pero ademais, nestas instalacións haberá oco para o teletraballo.
O obxectivo do Sanatorio é crear unha comunidade integrada por persoas de diferentes xeracións. Ademais, os espazos irán adaptándose segundo as necesidades.
O Sanatorio abrirá as súas portas nas vindeiras semanas pero ata entón hai en marcha unha campaña de crowdfunding a través dunha asociación sen ánimo de lucro.
Cultura, propostas gastronómica, actividades deportivas ou teletraballo. Esas son só algunhas das disciplinas que se poderán atopar no Sanatorio. Un proxecto que está a piques de comezar e que busca a mentes emerxentes, creativas e innovadoras.