O futuro parque da Parda estará rematado a comezos do 2027

PONTEVEDRA> En Pontevedra, avanzan a bo ritmo as obras do futuro parque da Parda. Hoxe o alcalde visitou os traballos, que están a sufrir un pequeno retraso por mor dos temporais que se encadearon ao longo do inverno. Así as cousas, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que a intención é que esta nova zona verde, dotada de zona de xogos e aparcadoiros, estea rematada a principios do vindeiro ano.

Avanzan as obras do futuro parque da Parda. Iso si, os traballos sufriron un pequeno retraso por mor dos temporais deste inverno.

Cunha extensión de máis de 34.000 metros cadrados, Fernández Lores asegurou que o parque transformará a contorna incorporando múltiples dotacións. Ademais dos espazos de lecer e das áreas deseñadas para xogos urbanos, contará con máis de 200 prazas de aparcamento de balde distribuídas en dúas zonas.

Ademais, todo o terreo estará cruzado por unha canle de auga que, finalmente, será artificial.

Dende o concello destacan tamén que o novo parque, que supón un investimento de máis de 5,3 millóns de euros, estará integrado na rede verde pontevedresa.

En canto ao futuro pavillón da Parda que se construirá na zona, o alcalde asegurou que os actuais traballos xa están a deixar listas as conexións necesarias tanto de saneamento como de abastecemento para a infraestrutura.