Poio> O vindeiro domingo, 21 de outubro, celebrarase a cuarta edición da xuntanza BTT Ruta dos Miradoiros. Esta proba popular, organizada pola comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros, coa colaboración dos Bicivoadores e o concello de Poio, percorrerá 35 quilómetros e terá unha dificultade media-alta.
O colectivo ciclista é ben recibido nos montes de Combarro. Así o queren facer ver os comuneiros coa organización de probas deportivas coma a xuntanza BTT que esta fin de semana pasará polos miradoiros da Tartaruga, O Campanario e Loureiro.
O percorrido discorrerá por pista forestal, agás no treito que vai dende o paseo marítimo de Combarro, que obriga a cruzar a PO-308.
A proba, non competitiva nin federada, pretende por en valor os montes da contorna.
A inscrición, gratuíta, poderase realizar ata mañá, xoves 18, ás 3 da tarde. Os inscritos terán que entregar un quilo de alimentos como doazón ós servizos sociais do Concello de Poio.
Os participantes poderán recoller os dorsais o sábado, de 18 a 20 horas nas oficinas da Comunidade de Montes de Combarro, e o domingo, de 8 a 9 no punto de saída, que esta ano estará situado na Praza da Chousa.











