A SIDA: un problema de todos

    BARBANZA > Os municipios da comarca conmemoraron hoxe o día da loita contra esta enfermidade con diversos actos. Como vén sendo habitual cada primeiro de decembro, a asociación Renacer de Ribeira, conmemorou hoxe o Día Mundial da SIDA. Fíxoo coa súa habitual mesa informativa na rúa peonil, á que se achegaron numerosos veciños a recoller información sobre esta enfermidade. Non faltaron tampouco os lazos vermellos. Unha imaxe bastante cotiá neste día, co que se pretende tomar unha maior conciencia sobre esta pandemia. Dende o colectivo segue a insisitirse na importancia da prevención e na necesidade de involucrarse na súa detección precoz. Ademais a entidade instalou mesas nos institutos de Secundaria e Ciclos Formativos do municipio onde se repartiron tamén lazos vermellos, material didáctico e preservativos. Na campaña deste ano Renacer contou tamén coa colaboración de usuarios da asociación Ámbar de atención a persoas con diversidade funcional.