A POBRA> O concello da Pobra centrará a súa programación cultural no teatro. Haberá tres ciclos: un para público adulto, espectáculos infantís para os cativos e as familias e varias sesións de monólogos.
Este domingo arranca a programación cultural da Pobra coa representación da obra de ‘Bernarda’ ás sete da tarde no Cine Elma. Durante os domingos de novembro continuará o ciclo dirixido a público adulto con ‘Dúas Donas que bailan’ e ‘Cinco Mulleres que comen tortilla’.
En decembro tocaralle a quenda ós máis pequenos co Nadal Cultural que inclúe espectáculos teatrais e musicais dirixidos a un público familiar. En xaneiro, tomarán o relevo os monologuistas coas actuacións de Oswaldo Digón, Apatacón e Avelino González.
Aínda que as actuación son de balde será preciso reservar entrada previamente na casa da cultura para cumprir coas limitacións de aforo restrinxido a sesenta persoas.
Ademais do teatro, o concello desenvolverá outras actividades culturais durante a tempada outono-inverno como o concerto de Amoenus, un grupo local que actuará este sábado no Cine Elma ás oito da tarde.