Eli Ríos coa obra ‘Luns’ faise co Torrente Ballester en galego

    BARBANZA> O premio, convocado pola Deputación da Coruña, está dotado con vinte e cinco mil euros, o de maior contía dos convocados en lingua galega. O xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, Mercedes Queixas Zas, Eva Moreda, Ledicia Costas e Mario Regueira, con Mercedes Fernández-Albalat de secretaria e Goretti Sanmartín de presidenta, daba a coñecer esta mañá a súa decisión. Da novela destacaron que está construída arredor dunha protagonista que é unha “personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática”. Ademais o xurado valorou na obra de Eli Ríos a súa “capacidade de reflexionar sobre as duras circunstancias que acontecen na súa vida, cunha perspectiva de xénero, tecnicamente innovadora, exposta nunha corrente de consciencia que conmove o público lector”. A decisión tomouse por maioría despois dun prolongado debate entre dúas novelas finalistas. Luns convértese así na obra gañadora do primeiro Premio Torrente Ballester que se convoca en modalidade só para lingua galega. A novela impúxose sobre as dezaoito obras finalistas, das 101 presentadas ó certame. Unha cifra que duplica o ano que máis novelas en galego se presentaran a este premio, ó que, ata o de agora, podían concorrer conxuntamente obras en galego e español. O vindeiro martes, día 20 de decembro, está previsto que se dea a coñecer a novela gañadora do XXVIII Premio de narrativa Torrente Ballester para obras en español.