Os pais do colexio de Carril, contra o dobre turno no comedor escolar

    VILAGARCÍA> Hoxe comezou a funcionar o dobre turno no comedor escolar do colexio de Carril e os pais iniciaron as súas mobilizacións. Os pequenos non utilizaron o servizo e comeron ás portas do centro, en sinal de protesta polo novo réxime que reduce ata os 20 minutos o tempo que teñen os nenos para comer. 

     

    Para os nenos do Colexio de Carril, a hora da comida será case unha carreira. Os máis de 180 nenos que utilizan o comedor terán que comer os tres pratos en 20 minutos.

    Esta redución nos tempos débese á decisión de dividir aos nenos que utilizan o comedor en dúas quendas. Unha medida que xa puxo aos pais en pé de guerra.

    Nun primeiro momento, os pais pediran a Educación un autobús de retorno que permitiría aos nenos que non precisan comer no comedor, facelo nas súas casas. En lugar de atender esta petición, implantaron este polémico dobre turno, co que si baleiran a lista de espera.

    A dobre quenda arrincou hoxe, aínda que non puido facelo con normalidade. En sinal de protesta, os pais puxeron a comer aos pequenos bocadillos ás portas do colexio de Carril. Unha protesta na que contaron co apoio do alcalde e de representantes do BNG.

    Dende a ANPA tamén denuncian que a medida se implantou sen contar cos pais, que tampouco recibiron resposta a ningún dos escritos que presentaron na Delegación Territorial de Educación. Polo de momento, xa anunciaron que mañá repetirán a mobilización, desta volta deixando aos pequenos probar este dobre turno no comedor escolar.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/12decembro/12/protesta_pais_carril_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/12decembro/12/protesta_pais_carril.mp4{/flowplayer}