Vilagarcía respalda á FGCN na loita por desvencellar Arousa do narcotráfico

VILAGARCÍA> Un monolito cunha árbore coa V de vida e cor verde esperanza recordará dende a Praza de Ravella a loita da sociedade arousá contra o narcotráfico. Esta foi unha das medidas aprobada esta tarde no multitudinario pleno que se celebrou en Vilagarcia. A corporación respaldou por unanimidade a proposta da fundación galega contra o narcotráfico de poñer en marcha medidas para desvencellar Arousa do tráfico de drogas.

Coa súa intervención nun salón de plenos de Vilagarcía ateigado de público, Felipe Suárez quixo desmontar esta imaxe falsa que nos últimos tempos se está a dar da ría de Arousa. O presidente de honra da Fundación repasou a loita da sociedade contra o narcotráfico.

Fitos como a creación da propia Fundación, único órgano destas características en España, ou a celebración da histórica manifestación que hai máis de 25 anos reuniu a preto de 50.000 persoas que percorreron Vilagarcía, son algúns dos exemplos que se empregaron da loita da sociedade arousá.

A sesión contou coa presenza de alcaldes e exalcaldes do norte e do sur da ría de Arousa. O pleno aprobou por unanimidade a moción, comprometéndose a tomar medidas que devolvan a dignidade á sociedade arousá. Entre eles, a construción dun monolito na Praza de Ravella.

Para a súa construción convocarase un concurso de ideas no que poderán participar artistas da comarca do Salnés. A proposta gañadora será escollida por un xurado composto por representantes de todas as forzas políticas da corporación de Vilagarcía e da Fundación.