PP e PSOE impulsan unha insólita moción de censura en Catoira contra o BNG

CATOIRA> Insólita moción de censura en Catoira: PP e PSOE acordan desbancar do poder ó nacionalista Xoán Castaño. Populares e socialistas van compartir goberno de coalición, cunha alcaldía rotatoria no que resta do mandato. Durante o vindeiro ano  e medio, o bastón de mando estará en mans do veterano Alberto García, co líder dos populares como tenente de alcalde. Despois, intercambiarán os papeis e Iván Caamaño afrontará a recta final do mandato sentado na alcaldía.

O PP levou ó BNG á alcaldía de Catoira hai 9 meses e agora pacta co PSOE para desbancar ó Bloque. Socialistas e populares pechan unha moción de censura que se traducirá nun goberno de coalición, cunha alcaldía compartida.

Para o socialista Alberto García, esta insólita manobra, bautizada xa como Operación Drakkar, está xustificada por unha cuestión de “democracia”.

O veterano socialista será o vindeiro alcalde, durante un ano e medio, con Iván Caamaño como tenente de alcalde. Despois, inverteranse os papeis e Alberto García entregaralle o bastón de mando Iván Caamaño. O líder popular, que co seu apoio ó BNG apartou do poder ó PSOE, xustifica agora o seu cambio de criterio. Di que o nacionalista Xoán Castaño tivo unha oportunidade que non aproveitou.

Segundo avanzan, van ter dúas adicacións exclusivas e van cobrar 20.000 euros menos cá o aínda rexedor. Tanto un como outro xustifican que os intereses dos veciños están por riba de todo. Aseguran que nada funciona no Concello.

Sobre as consecuencias desta inhabitual moción, o popular confía na súa continuidade dentro do PP, mentres que o socialista advirte que a el as ameazas de expulsión non lle afectan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí