RIBEIRA> O Chicle ingresaba a pasada tarde no cárcere de Teixeiro despois de que a titular do Xulgado de Instrución Número Tres de Ribeira decretara prisión provisional incomunicada e sen fianza. A xuíza de garda decidiu o seu ingreso en prisión despois de que o sospeitoso se negase a prestar declaración. Preto das nove da mañá do luns, El Chicle chegaba ós xulgados de Ribeira para prestar declaración ante a maxistrada do xulgado número tres, que se atopaba de garda. No interior permaneceu máis de seis horas durante as que se negou a contar nada ante a xuíza acolléndose ó seu dereito ó non declarar. Pasadas as tres da tarde, o acusado saía cara o cárcere de Teixeiro despois de que a maxistrada decretase o seu ingreso en prisión provisional incomunicada e sen fianza por entender que existe risco de fuga, reiteración delitiva ou alteración de probas. Segundo o avogado da defensa, o investigado negouse a prestar declaración posto que xa realizara un extenso relato dos feitos ante a Garda Civil e non tiña máis datos que aportar. Si quixo aclarar que en ningún momento se recoñeceu autor dun delito de agresión sexual nin de asasinato, insinuando que puido tratarse dunha morte accidental polo que se trataría dun homicidio imprudente. O avogado apuntou tamén outros datos que poden indicar as liñas polas que irá a súa estratexia de defensa, anticipando a intención de solicitar un informe sobre o estado mental do sospeitoso. Agora, o caso volve a mans do Xulgado de Instrución número 1 que ten obriga de citar novamente ó Chicle para prestar declaración.
Inicio BARBANZA