PORTO DO SON> Conmoción en Porto do Son ante a nova da desaparición dun mariñeiro en augas do Pacífico. Trátase de Juan José Sampedro, de 47 anos. Aínda que é natural de Queiruga leva moitos anos residindo coa súa familia en Porto do Son, onde é moi querido.
A vila sonense vive aínda con incredulidade a desaparición dun dos seus veciños en augas do Pacífico. As novas sobre un accidente en alta mar comezaron a chegar durante a xornada do venres cando se notificou a desaparición dun mariñeiro a bordo do Cosmos cando navegaba en ruta cara Panamá.
Trátase do patrón de pesca Juan José Sampedro Santos, de 47 anos. Era natural da parroquia de Queiruga pero residía en Porto do Son, coa súa muller e os seus dous fillos. Alí apenas poden crer esta tráxica nova que está a causar unha grande consternación posto que se trata dunha persoa moi querida e coñecida dada a súa longa traxectoria no sector do mar.
Polo momento, non están claras as circunstancias que provocaron a desaparición aínda que as primeiras informacións apuntan a que puido esvarar por unhas escaleiras pintadas recentemente e caeu ó mar. Parece ser que un mariñeiro presenciou accidente e tiroulle un aro para manterse a flote quen non foi quen de alcanzar.
Varias embarcacións colaboran no dispositivo de busca que se mantén na zona pero as esperanzas vanse esvaecendo posto que se trata dun radio moi amplo e as posibilidades de atopalo son escasas.
Mentres tanto, os seus veciños e amigos lamentan este tráxico suceso en Porto do Son, a onde tiña previsto chegar en tan só uns días para pasar as festas do Carme.