As escavacións no cemiterio de Asados sacan á luz unha antiga necrópole medieval

RIANXO> O Grupo Histagra da USC presentou en Rianxo os resultados da escavación desenvolvida a finais do pasado ano no cemiterio rianxeiro de Asados. Aínda que a busca concluíu sen achar os restos de Manuel Piñeiro Abeijón e Francisco López Pérez, os traballos sacaron á luz unha antiga necrópole medieval.

A solicitude das propias familias do boirense Manuel Piñeiro Abeijón e o rianxeiro Francisco López Pérez, asasinados polo franquismo, o grupo Histagra da USC, da man da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, realizaron unha intervención no cemiterio de Asados.

Tras unha fonda labor de documentación previa, os investigadores determinaron unha superficie duns 20 metros cadrados onde se concentraron as escavacións.

No transcurso dos traballos, desenvolvido entre o 27 de outubro e o 7 de novembro, non se acharon os restos dos dous represaliados aínda que as escavacións permitiron identificar dúas fosas e un resto de cerámica da época medieval que suxiren a existencia dunha antiga necrópole.

A falla de resultados con respecto á localización das dúas vítimas non supón nin moito menos un punto e final posto que a análise documental e o traballo de campo indican que os restos poderían atoparse noutros puntos do cemiterio ou mesmo no exterior do recinto.

Os investigadores fixeron entrega tanto ó concello de Rianxo como á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica dun exhaustivo informe que sirva como punto de partida no caso de retomar a busca nun futuro.