RIBEIRA> Ribeira acollerá este verán o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais. Celebrarase entre o 17 e o 20 de xullo e contará cuns 150 barcos. Haberá ademais un extenso programa de actividades culturais e degustacións gastronómicas ó longo das catro xornadas.
Ribeira, vila onde naceu o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en 1993, volverá ser sede deste evento. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e o concello de Ribeira, en colaboración coa Confraría da Dorna, traballan xa na organización desta cita que terá lugar do 17 ó 20 de xullo.
A organización estima que participarán máis de 150 embarcacións chegadas non só de toda a Península senón tamén de Europa e mesmo de América, cunha delegación que partirá dende Chile.
Ademais de dar a coñecer o patrimonio marítimo, a cita servirá tamén para poñer en valor a cultura, tradición e gastronomía da vila. Dende a organización animan ós veciños a implicarse na celebración da festa decorando fachadas e balcóns con motivos mariñeiros.
A programación do encontro inclúe concertos, exposicións, teatros, obradoiros ou monólogos. O detalle do programa xa se pode consultar na web www.encontroembarcacions.gal.











