Estafan preto de vinte mil euros a unha boirense ó contratar un préstamo por internet

BOIRO> A Garda Civil investigou a dúas persoas, unha veciña de Burgos, e outra de Vinaroz, en Castellón, por un delito de estafa a unha veciña de Boiro, que contratou con eles un crédito por internet.

A denuncia presentada pola vítima o pasado mes de marzo nas dependencias do cuartel de Boiro provocou que se iniciara unha investigación para tratar de esclarecer os feitos.

Axentes do Instituto Armado que traballan no ámbito da ciberdelincuencia puideron localizar o anuncio en internet, no que se ofertaban préstamos persoais con condicións, a priori, moi vantaxosas para o cliente.

Ó parecer, a vítima, que ía xestionar un crédito por un importe de 60 mil euros, comezou a recibir correos electrónicos e a manter conversacións telefónicas cunha persoa que, supostamente, lle ía a xestionar o seu crédito.

Unha vez aprobado, pedíalle que realizase unha serie de pagos en concepto de impostos, trámites e honorarios de avogados, entre outros. Chegou a realizar ata un total de 50, por un importe total de preto dos 19 mil euros, momento no que decidiu interpoñer a denuncia.

Tódalas dilixencias realizadas pola Garda Civil no caso xa lle foron remitidas ó Xulgado de Garda de Ribeira, que é quen instrúe o caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí