A Garda Civil investiga a procedencia do feto atopado en Lousame

    LOUSAME> O feto atopado onte por unhas traballadoras na planta de compostaxe de Lousame podería levar varios días depositado nun colector, e que probablemente chegara alí entre o xoves e o venres pasado.  A Garda Civil investiga os itinerarios que realizan os camións de recollida do lixo na comarca.  

     Hoxe retomábase con normalidade a actividade na planta de compostaxe de Lousame, trala aparición onte dun feto na cinta de procesado do lixo. Trátase dun feto duns sete meses de xestación e de sexo feminino .Onte, arredor das catro, atopárono unhas traballadoras da quenda da tarde. O feto foi trasladado a última hora da tarde ó Hospital de Conxo, en Santiago, para practicarlle a autopsia. Nesta planta de xestión de residuos, ubicada na parroquia lousamiá de Servia, só entran os traballadores e traballadoras, polo que o máis probable é que o corpo chegase aquí a través dun dos camións de recollida do lixo. O director da planta facilitou á Garda Civil de Noia, que leva as dilixencias deste caso, o itinerario de rutas e as frecuencias coas que se procede á recollida do lixo  nos nove municipios desde os que chegan os residuos: Lousame, Porto do Son, Ames, Rois, Brión, Carnota, Muros, Pontecesures e Noia, o que abrangue aproximadamente uns 80.000 habitantes. Os investigadores pediron esta información para tratar de averigüar a orixe do feto. Esta tarde as traballadoras preferían non falar do tema. Este non é o único suceso macabro acontencido nesta planta de compostaxe. No ano  2007 unha traballadora atopou na cinta un fragmento dunha perna, da que dez anos despois aínda non se coñece a súa procedencia .