Rescatados sans e salvos tres tripulantes dunha embarcación á deriva

    RIBEIRA> O suceso producíase ó redor das once deste martes nas inmediacións de Couso, nun lugar coñecido coma o Pedregal, onde se atopaban á captura do ourizo. Este é o momento da chegada ó porto de Ribeira da planeadora Guiomar 1, remolcada pola Salvamar Sargadelos de Salvamento Marítimo. A bordo dous dos tres ocupantes que se atopaban no momento do suceso na embarcación que se dedicaba á captura de ourizo nas inmediacións de Couso. O outro compañeiro ó ver que estaban á deriva e en problemas botouse ó mar para intentar chegar a nado a terra e pedir auxilio. A súa valente acción posibilitou que mobilizara rapidamente un amplo dispositivo de rescate que rematou coa localización da embarcación e o posterior traslado a porto. Todo apunta a un golpe de mar como causa máis que probable do infortunio. Os tres mariñeiros atópanse xa en perfecto estado na súa casa despois de declinar ser atendidos ou trasladados a un centro médico. Todo se quedou nun susto esta vez. Ademais de Salvamento Marítimo e persoal do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal, no operativo tamén interviñeron as Policías Local e Nacional.