NOIA> O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaba a localidade para coñecer este proxecto que estará situado no edificio do antigo Casino. Acompañado de varios membros do equipo de goberno, entre eles o alcalde, Santiago Freire, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, percorreu as instalacións do vello edificio do casino, un inmoble que vén de ser recentemente adquirido polo Concello. A intención do executivo noiés, co financiamento de distintas Administracións, pasa por converter este emblemático edificio nun referente no eido turístico e comarcal, non só da localidade senón tamén do resto de municipios que integran a ría de Muros-Noia. O orzamento previsto para esta actuación ascende a uns 868 mil euros, dos cales preto do 70% irán con cargo a fondos FEDER, a través do GALP Ría de Muros Noia. O Centro de Visitantes multifuncional Xeodestino Ría de Muros-Noia pretende converterse nun elemento dinamizador do turismo dos concellos que conforman a área de actuación: Muros, Noia, Porto do Son, Outes e Lousame. As previsións apuntan a que as obras dean comezo nos vindeiros meses, contando con que o centro poda entrar en funcionamento no ano 2018, coincidindo co 850 aniversario da Carta Fundacional de Noia como vila.
Inicio Barbanza - Muros - Noia