Os bos prezos salvan a reapertura da campaña en Noia

    NOIA> O patrón maior do pósito noiés, Santiago Cruz, confirmou de que a campaña deste ano será prolongada ata marzo. A volta a actividade despois do parón de Nadal está a resultar máis proveitosa do agardado para os mariscadores noieses. Segundo o patrón maior, Santiago Cruz, o peche das concesións durante o pasado mes de xaneiro parace que permitiu garantir unha mellora nas cotizacións do marisco en lonxa. Nos últimos días a ameixa fina de primeira rondou os 57 euros o quilo, a de segunda 43 e a de terceira 19. A babosa de primeira foi a 19’20 e a de segunda a 16´75, mentres que a xapónica vendeuse a 6’34. En canto ó berberecho o prezo tamén foi alto, variando entre o 1’68 do de menor tamaño ós preto de 16 euros do máis grande. Prezos altos, fundamentalmente do berberecho, que segundo apuntan dende a propia confraría noiesa poden deberse á escaseza de produto nos mercados. Na actualidade a maioría do marisco que se vende vai destinado ó consumo en fresco, xa que as conserveiras deixaron de mercar. De cara a manter estes prezos, o pósito noiés tamén optou por baixar os topes establecidos para cada produtor, establecendo un total de 15 quilos para o marisqueo a flote e dez para os de a pé. Segundo O bo prezo que está a acadar o marisco en lonxa está a salvar en parte unha campaña moi condicionada pola presenza da toxina e o peche temporal das concesións debido principalmente a ese problema. A Confraría xa traballa coa mente posta na próxima campaña na que teñen postas moitas expectativas.