MORAÑA>A Garda Civil confirma que a identidade dos dous corpos atopados completamente calcinados en Campo Lameiro son os da parella de Moraña que levaba días desaparecida. As probas de ADN confirman a que era a principal sospeita.
Trátase dun varón de 50 anos e unha muller de 49. Os dous residían en Moraña, de onde el era nativo. Ela era nativa de Caldas.
Os cadáveres foron localizados en Campo Lameiro o sábado 1 de xuño, xunto cun vehículo totalmente queimado. Apareceron nun camiño forestal, na zona de Caneda. O corpo da muller estaba no interior do vehículo, mentres o do home estaba fóra ao carón do coche.
Os investigadores non puideron confirmar a súa identidade ata o de agora polo estado no que quedaron os corpos, que dificultaron a súa identificación.
Agora, continúa a investigación para esclarecer as causas exactas, pero todo apunta a que se trata dun caso de violencia de xénero. De feito, o home tería varias denuncias por malos tratos. Con todo, segundo fontes da Garda Civil, tódalas hipóteses continúan abertas.












