Meis únese ante os estragos de ‘Kurt’

    MEIS> Unanimidade en Meis ante os estragos do temporal. A corporación municipal aprobou esta mañá en pleno extraordinario unha moción para definir a postura do concello ante esta situación. Instar a Xunta e Deputación para conseguir axudas para os afectados, asesorar aos veciños e investigar e sancionar o papel das compañías eléctricas, son os puntos que recolle a moción.

     

    A corporación de Meis ofrece unha imaxe de unidade ante os estragos do temporal. Dez días despois de que Kurt azoutara o concello, o PSOE pediu a convocatoria urxente dun pleno para definir a postura do concello.

    A corporación aceptou a maioría da moción presentada polos socialistas, e os cambios propostos tamén foron incluídos de xeito unánime. Un deles, que tamén se pida a colaboración da Deputación na tramitación das axudas a proposta do PP.

    A outra modificación chegou a proposta do BNG. A voceira nacionalista pediu que se esixan responsabilidades ás compañías eléctricas.

    As tres formacións valoraron positivamente a aprobación unánime da moción, aínda que para o alcalde a convocatoria foi precipitada porque a día de hoxe descoñecen os procedementos a seguir para as reclamacións.

    Outro dos puntos aprobados na moción compromete ao concello de Meis a asesorar e pór a disposición dos veciños medios propios para facer as reclamacións pertinentes.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/13/pleno_meis_temporal_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/13/pleno_meis_temporal.mp4{/flowplayer}