A ILLA> Apoio masivo a un bar da Illa de Arousa tras a crítica recibida na internet por un cliente ao que lle pediron que puxera a máscara. O usuario cualificaba a súa experiencia no local como mala por este suceso. Dende o local sinalaron que para o seu sector a situación epidemiolóxica e económica non permite ningunha relaxación.
Despois dun ano de pandemia aínda hai xente que non respecta nin valora as medidas sanitarias. Un exemplo desta falta de solidariedade foi a que lles tocou vivir aos xerentes do Bar Fina Viñas na Illa de Arousa. Os traballadores pedíronlle a unha cliente que puxese a máscara na terraza. A usuaria non só acatou a petición de mala gana, se non que ao abandonar o local púxolle unha crítica na internet cualificando como fatal a súa experiencia no establecemento. Os propietarios non daban crédito ao ver á critica na internet e se defenderon a través dun comunicado nas súas redes sociais, recibindo un apoio masivo por parte da comunidade.
Os clientes que hoxe se atopaban no establecemento mostraron o seu apoio aos traballadores.
Dende o local sinalaron que en ningún momento contestaron mal aos clientes. Tamén lamentaron ter que enfrontarse a unha crítica tan dura co que está a sufrir a hostalería. O propietario advirte que a situación epidemiolóxica e económica non permite ao seu sector ningún tipo de relaxación.
Dende o local tamén quixeron destacar o bo comportamento dos seus clientes, advertindo que os que insolidarios que non cumpren as normas son moi poucos. Agardan que todos poñamos da nosa parte e rematar con esta situación canto antes.