Rianxo axiliza varias actuacións enmarcadas no POS provincial

RIANXO> A incorporación dunha nova técnica de administración xeral en Rianxo permitiu axilizar a xestión de varios proxectos enmarcados no POS da Deputación. é o caso do abastecemento de Corques, o saneamento en Quintáns e a nova cuberta do pavillón municipal.

No que respecta ás actuacións de abastecemento e saneamento en Corques e Quintáns xa foron adxudicadas e o comezo das obras é inminente. A primeira, cun importe de cen mil euros, non só conectará á rede de auga ás vivendas da aldea de Corques senón que entroncará coa estrada comarcal AC-305 constituíndo a liña principal para o futuro abastecemento da parroquia do Araño.

En Quintáns, a execución das redes de abastecemento e saneamento darán servizo a unha trintena de vivendas. Prevese que a actuación, presupostada en 200 mil euros, dea comezo nas próximas semanas e conta cun prazo de execución de cinco meses. Por outra banda, o concello vai sacar a licitación a renovación da cuberta do pavillón polideportivo por importe de 175 mil euros.

Os traballos terán unha segunda fase para a instalación nun futuro de placas fotovoltaicas sobre a cuberta.