O BNG da Barbanza reclama un cambio nas políticas forestais da Xunta

    BARBANZA> Os nacionalistas avogan ademais por un modelo que permita converter ó monte nun espazo xerador de riqueza e emprego, freando de paso o actual abandono do medio rural. A vaga de lumes que afectou a Galicia hai varias semanas fai que o BNG volva a poñer en tela de xuízo a actual política forestal da Xunta. Negando que exista unha trama de terrorismo incendiario, tal e como apuntaban dende o PP, os nacionalistas piden un cambio de modelo, apostando por frear o actual abandono do monte. O BNG presentará moción nos concellos da comarca demandándolle á Xunta unha nova política forestal, para evitar que esta situación volva a repetirse, apostando polo aproveitamento multifuncional do monte, no que se poña coto ó monocultivo de eucalipto, que se realicen as modificacións lexislativas necesarias para darlle valor ó solo forestal ou que se redacte un protocolo de emerxencias para todo o país, ademais de reformularse o servizo de defensa contra os lumes poñendo especial fincapé na prevención.