RIBEIRA> Ó redor das dez e media desta mañá aparecía no Carreiro o corpo sen vida de Manuel Pérez Outeiral. O home, veciño de Carreira de cincuenta e dous anos, saíra a pescar pola zona o domingo pola tarde.
Dende a noite do domingo, un intenso operativo buscaba por mar, terra e aire a Manuel Pérez Outeiral. O home, veciño de Carreira e alcumado Sandokán, saíra a recoller percebe como adoitaba facer. Ó decatarse da tardanza os familiares deron a voz de alarma.
Inicialmente, os achegados informaron de que puidera ter desaparecido na zona de Couso polo que o operativo de busca centrouse no litoral entre este punto e Corrubedo. Finalmente, ó redor das dez e media desta mañá aparecía o corpo sen vida na zona do Carreiro en Aguiño. Xunto a el, unha táboa e os percebes, o que fai supoñer que foi nesta zona na que saíu a traballar e non en Couso como se creu nun primeiro momento.
Foron tres veciños de Aguiño que paseaban pola zona os que avistaron o cadáver dando aviso de inmediato ós servizos de emerxencia. A partir de aí, despregouse un amplo dispositivo na zona ata que puideron recuperar o corpo que foi trasladado pola lancha de Salvamento.
O cadáver foi trasladado ó instituto de medicina forense para realizarlle a autopsia. Segundo as lesións que presentaba, semella que o home puido sufrir unha caída posto que presentaba un forte golpe na cara.