Un condenado por pornografía infantil cumprirá catro anos de prisión

PONTEVEDRA> Un condenado por pornografía infantil pasará ao redor de catro anos en prisión. A pesares de que a condena inicial era de 15 anos de cadea, a pena viuse rebaixada despois de que aceptara a sentenza de conformidade. Foi a denuncia dos pais duns menores de Meis a que precipitou a investigación.

 

Ante as maxistradas da sección cuarta da audiencia provincial de Pontevedra, este cántabro de 24 anos confesou ser autor dos delitos de sexting e de elaboración de pornografía infantil. Recoñeceu que entre o 2013 e o 2014 contactara a través das redes sociais e do whatsapp con 45 menores de entre 10 e 14 anos. Nas conversas facíase pasar por unha menor para conseguir fotografías e vídeos de contido sexual.

A investigación desenvolveuse no xulgado de Cambados, despois de que a denuncia dos pais duns menores de Meis ante a Garda Civil fixera saltar as alarmas. Durante as pesquisas, os axentes descubriron que alomenos 10 das vítimas residían na provincia de Pontevedra.

Por estes feitos, o home foi condenado a 15 anos e medio de cadea, dos que unicamente cumprirá ao redor de catro. Deste xeito, o mozo cántabro benefíciase da Lei de Enxuizamento Criminal, que permite a refundición das condenas de delitos que se xulgan nun único procedemento. Tamén terá que estar 66 anos en liberdade vixiada e sen contacto algún con menores, ademais de indemnizar aos 10 nenos identificados cun total de 19.000 euros.

O tribunal recoñeceu o atenuante de confesión, xa que o acusado colaborou activamente na investigación policial e xudicial, facilitando o acceso ao material que posuía.

O home quedou en liberdade, á espera da executoria do seu ingreso en prisión.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/14/xuizo_sexting_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/14/xuizo_sexting.mp4{/flowplayer}