O BNG de Boiro presentará varias emendas os orzamentos municipais

    BOIRO> Os nacionalistas reclaman máis investimento en saneamento e tamén á rehabilitación do pazo de Goiáns. Varias son as propostas que os nacionalistas lle trasladan ó equipo de goberno que preside Xoán Xosé Dieste para que sexan incluídas nos orzamentos municipais antes da súa aprobación definitiva. Unha das súas principais reclamacións garda relación co saneamento. Así inciden na necesidade de destinar maior investimento á realización deste tipo de obras. Piden un sistema de depuración para a parroquia de Cures. Tamén reclaman unha partida importante para iniciar a rehabilitación do pazo de Goiáns, un edificio catalogado coma Ben de Interese Cultural, que presenta na actualidade un evidente deterioro. Os nacionalistas piden tamén a realización dun novo local para o Club de Remo Cabo de Cruz e se aumente o presuposto destinado a actividades culturais, coa realización dun programa de dinamización cultural con actividades de contacontos e a posta en valor e o mantemento do importante legado patrimonial existente no Concello.