A campaña do libre marisqueo en Arousa comeza o 1 de outubro con topes moi baixas

RIANXO> A campaña de libre marisqueo na ría de Arousa abrirá o próximo martes día 1. Farao con topes pequenos dada a escaseza de recurso nos bancos. Tanto é así que nos Lombos do Ulla establécese un período de proba de 15 días para avaliar o seu estado porque non abonda o marisco de talla comercial.

O próximo martes día 1 arrancará a campaña de libre marisqueo na Ría de Arousa. Farao nos tres bancos principais: Cabío, o Bohído e Os Lombos do Ulla, aínda que neste último iniciarase en período de probas durante 15 días. Así o acordaron os reponsables da Consellería do Mar co sector trala reunión celebrada a pasada tarde.

Aínda que a intención da administración autonómica era manter pechados os Lombos ante as mostraxes que indican que o marisco desta zona non acada aínda a talla comercial, finalmente acceder ás peticións dos patróns maiores de comezar a faenar de xeito experimental.

Transcorridos eses 15 días valorarase a evolución dunha campaña que non se prevé moi optimista dada a leve recuperación amosada polo resto dos bancos.

Esta situación obriga tamén a establecer topes pequenos de tres quilos de berberecho e catro de xaónica nos Lombos; tres de berberecho, dous de xapónica e unha de rubia no Bohído e dous de berberecho, dous de babosa e 4 de rubia en Cabío. Para a fina establécese un límite de medio quilo en cada un dos bancos.