MINUTO A MINUTO | #Contrastes28M

🗳️ #Contrastes28M | Programa especial EN DIRECTO

1:28 h | 🗳️ #Contrastes28M | En Moraña apenas hai movementos. O PP mantén a maioría absoluta, malia retroceder unha acta das 7 ás 6. O BNG mantén as 2 actas e o PSdeG mellora nunha acta, pero segue a estar á cola da corporación con 2 edís

1:25 h | #Contrastes28M | En Caldas apenas hai cambios cambios. O PP e o PSdeG intercambian posicións con 6 e 5 edís, respectivamente. O BNG repite os seus 2 edís

1:07 h | 🗳️ #Contrastes28M | Consolídase unha nova maioría absoluta de Gonzalo Durán en Vilanova, que leva sumando desde 1995. A veciñanza non confía no novo proxecto do PSdeG, que pasa de 5 edís a 3, liderando a oposición. Séguenlles o proxecto de José Juan Durán, Renova Vilanova, e o BNG, cun edil cada formación

0:50 h | 🗳️ #Contrastes28M | En Porto do Son, as forzas de esquerda acadan resultados desiguais. Pasan de 3 edís cada unha a, agora, ter 4 edís o BNG e 2 o PSdeG. Como primeira forza repite o PP, con 7 actas

0:46 h | 🗳️ #Contrastes28M | O PP repite como forza máis votada en Muros subindo unha acta ata as 5. O BNG pasa de cuarta a segunda forza dobrando os seus representantes, de 2 a 4. O PSdeG perde unha acta e Muros Centrado entra na corporación

23:59 h | 🗳️ #Contrastes28M | En Catoira o BNG acada a maioría absoluta e deixa o PSdeG sen o liderado municipal por primeira vez desde 1989. Os socialistas pasan de ser a lista máis votada a obter só 2 representantes. Pola súa banda, o PP mantense con 3

23:50 h | 🗳️ #Contrastes28M | En Sanxenxo Telmo Martín repite a súa maioría absoluta e o resultado de 2019 con 10 edís, malia a absorción de SAL (Sanxenxo Agrupación Liberal), que tiña unha acta. Soben as forzas de esquerda unha acta, tanto o PSdeG (4) como o BNG (3)

23:45 h | 🗳️ #Contrastes28M | Cambados Pode: ¿chave para o goberno? José Ramón Abal obtén unha acta que podería mudar a composición do goberno na localidade, por segunda vez tralos resultados de 2015 cando lle deu o seu apoio ás forzas de esquerda. Sabela Fole gaña co PP e 8 actas, seguidas polo PSdeG con 4, Somos Cambados con 2 (que perde unha acta) e o BNG, con outras dúas

23:35 h | 🗳️ #Contrastes28M | Todos os concellos da área de influencia de Canal Rías Baixas xa teñen o 100% escrutado

22:58 h | 🗳️ #Contrastes28M | Co 100% escrutado, na cidade de Pontevedra tamén hai sorpresas, xa que o PP gaña 2 edís e álzase coa primeira posición fronte ao BNG de Lores, que podería seguir sendo alcalde malia perder 2 actas (de 11 a 9). os socialistas liderados por Iván Puentes suman un novo edil, de 4 a 5. En principio, malia os cambios na táboa, non os habería no goberno

22:53 h | 🗳️ #Contrastes28M | Co 100% escrutado, Alberto Varela perde a súa maioría absoluta e a primeira posición nos comicios. Baixa dos 12 edís aos 9. Dan a sorpresa os populares, que pasan de 5 a 9 representantes e convértense en primeira forza

22:47 h | 🗳️ #Contrastes28M | Co 100% escrutado, confírmase a maioría absoluta para Carlos Viéitez por Veciños de Meaño. Mala sorte para o PSdeG, que pasa de 2 edís a desaparecer da corporación

22:34 h | 🗳️ #Contrastes28M | O PSdeG podería reter a alcaldía da Illa de Arousa en coalición co BNG, malia que a primeira forza sería o PP con 5 edís fronte aos 3 que acadan as forzas de esquerdas. É a primeira vez que os socialistas non son primeira forza desde a independencia do municipio

22:34 h | 🗳️ #Contrastes28M | 100% escrutado en Valga, que suma unha nova maioría absoluta para Bello Maneiro polo PP. O popular leva gobernando desde 1991. O BNG recupera a representación con 2 edís, os mesmos que obtén o PSdeG

22:29 h | 🗳️ #Contrastes28M | 100% escrutado en Pontecesures, onde Vidal Soage ten moi difícil seguir gobernando. É a forza máis votada con 5 edís, pero a suma entre BNG (4 edís) e PSdeG (2 edís) outorgaríalles a maioría absoluta

22:29 h | 🗳️ #Contrastes28M | 100% escrutado en Cuntis, onde o PSdeG perde a maioría absoluta pero segue a ser a forza máis votada con 5 edís, os mesmos que obtén o Partido Popular, que tiñan 2 edís no mandato anterior

22:28 h | 🗳️ #Contrastes28M | 100% escrutado en Poio e maioría absoluta para o PP de Ángel Moldes, que desbanca os partidos que viñan gobernando na vila (BNG e PSdeG)

22:04 h | 🗳️ #Contrastes28M | 100% escrutado tamén en #Muros, onde o PP gaña un edil ata os 5 e o BNG convértese en segunda forza duplicando a súa representación, de 2 a 4. A maioría absoluta son 7 edís, que acadarían os nacionalistas se se sumasen aos 3 obtidos polo PSdeG

22:04 h | 🗳️ #Contrastes28M | Co 100% escrutado, o BNG de Barro perde a maioría absoluta. Segue sendo primeira forza, pero baixa ata os 5 edís. Quen medran son os socialistas, que pasan dun a 3 concelleiros. O partido de Landín gaña a batalla ao PP acadando 2 fronte a 1 representantes

22:04 h | 🗳️ #Contrastes28M | Xa temos o 100% escrutado en Outes: o PP volve converterse en primeira forza gañando un edil ata os 6, o mesmo que perde Compromiso Outes que baixa ata os 4 e pasando a segunda forza. Tamén acadan representación o BNG (2 edís) e o PSdeG (1 edil), sen cambios respecto a 2019

21:55 h | 🗳️ #Contrastes28M | Co 86% escrutado en Boiro, os socialistas fanse con 9 edís e maioría absoluta, unha ampla suba respecto aos 5 do actual mandato, onde gobernaba grazas a unha alianza tripartita

21:55 h | 🗳️ #Contrastes28M | Con máis do 44% escrutado, na Illa de Arousa o PSdeG pasa de primera a terceira forza, perdendo a súa histórica hexemonía nos comicios. Os populares non só conservan os 4 edís, senón que pasan a ser a lista máis votada con 5 representantes

21:50 h | 🗳️ #Contrastes28M | Grandes sorpresas de momento nas dúas cidades de referencia da nosa zona de influencia: o PP convértese en primeira forza tanto en Pontevedra con 11 edís (fronte aos 9 de BNG e 5 do PSdeG) e tamén en Vilagarcía con 9 edís, arrebatándolle a maioría absoluta aos socialistas de Alberto Varela (9 edís fronte aos 12 do anterior mandato)

21:39 h | 🗳️ #Contrastes28M | Con case o 23% escrutado o PP de Ribadumia acadaría a maioría absoluta con 8 edís, malia a baixa dos 11 que sumaron populares e independentes en 2019. O PSdeG converteríase en segunda forza con 2 edís

21:34 h | 🗳️ #Contrastes28M | Con máis do 60% escrutado, en Rianxo polo de agora Rianxo en Común converteríase en primeira forza con 5 edís, unha suba considerable respecto aos 2 acadados en 2019. O BNG pasaría de ser o partido máis votado a baixar ata a cuarta posición con 2 representantes

21:20 h | 🗳️ #Contrastes28M | Repasamos a situación en Catoira, onde todos os escenarios están abertos trala grande inestabilidade política do mandato. Así transcorreu a xornada electoral na localidade

20:58 h | 🗳️ #Contrastes28M | Última hora en Ribadumia: Xuntos e PSdeG denuncian que apoderados do PP fotografaron as listas do censo electoral nunha mesa da escola infantil e outra do centro cultural de Barrantes. A Garda Civil deu constancia das reclamacións pero o reconto continúa con total normalidade

20:41 h | 🗳️ #Contrastes28M | A nosa atención céntrase agora no Concello de Cambados, onde a vitoria non está asegurada para ningunha formación nin ningún bando ideolóxico

20:29 h | 🗳️ #Contrastes28M | Repasamos a xornada electoral en Vilagarcía, coa maioría absoluta de Alberto Varela en disputa

20:15 h | 🗳️ #Contrastes28M | Cos datos do segundo avance das 18:00 horas, a participación subiu ata 14 puntos en Catoira e outros 8 puntos na Illa de Arousa. A participación tamén medrou noutros concellos da contorna como Pontevedra (5 puntos), Caldas (3 puntos), Vilanova e Meaño (2 puntos) e Vilagarcía (1 punto)

20:11 h | 🗳️ #Contrastes28M, XA en directo a través da nosa canle de YouTube

19:52 h | Ás 20:00 horas comeza o noso programa especial 🗳️ #Contrastes28M, que se pode seguir en Canal Rías Baixas e tamén en directo a través da nosa canle de YouTube. Repasaremos toda a actualidade da xornada con Marta Rodríguez Arias (PP), Manuel Domínguez (BNG) e Modesto Pose (PSdeG)

19:00 h | Rematamos o noso repaso polo panorama electoral ás nosas comarcas de referencia botando un ollo ao que pode acontecer nas comarcas de Muros e Noia, onde a polémica da mina de San Finx pode marcar a xornada

18:38 h | En canto á comarca de Caldas, os cambios en Moraña e a inestabilidade política en Catoira son os que poden dar os principais titulares da xornada. En principio, as maiorías en Cuntis, Valga e Portas non parecen estar en perigo. A de Pontecesures para o PP, pola contra, semella que se resiste

18:34 h | Repasamos o panorama electoral na comarca de Barbanza, onde as principais incógnitas prevense que se vivirán en Rianxo fronte á continuidade da Pobra, Ribeira e Boiro

17:55 h | Na comarca de Pontevedra e en Marín non se agardan grandes sorpresas. O principal foco de atención é o que pasará en Poio, que estrea unha nova era sen Luciano Sobral como alcalde e que pode beneficiar tanto o PPdeG como o PSdeG. En Barro, Marín e Pontevedra non se prevén cambios

17:32 h | Xa podes consultar o noso repaso ao panorama electoral destes comicios na comarca do Salnés. Na zona, salientan os cambios de siglas dos actuais alcaldes de Meaño e Ribadumia ou as ansiadas renovacións das maiorías absolutas socialistas (O Grove, A Illa e Vilagarcía), así como as populares (Sanxenxo e Vilanova)

17:05 h | Matías Cañón é o candidato do PP na Illa de Arousa, malia que a dirección provincial xa asegurou que non formará parte do grupo municipal. Cañón protagonizou un dos titulares desta campaña ao destaparse que fora condenado por malos tratos en 2011. Este negouse a renunciar

16:31 h | Manuel González, actual anterior de Outes, aspira a revalidar o seu cargo como cabeza de lista de Compromiso por Outes, onde no último mandato gobernou en minoría

14:25 h | Xosé Lois Piñeiro, candidato de Nós Pobra, aspira a seguir sendo a formación máis votada esta noite. O alcaldable exerceu o seu dereito ao voto na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler

14:20 h | Tamén prestaremos moita atención ao que aconteza esta noite en Catoira. O candidato popular, Iván Caamaño, votou na Casa do Concello confiando en deixar de tres a formación menos votada do municipio

14:17 h | Na comarca de Pontevedra, un dos puntos quentes da xornada é o concello de Poio. A candidata do BNG, Marga Caldas, exerceu o dereito ao voto no local social de Campelo

13:32 h | Alberto Varela, candidato á reeleción en Vilagarcía polo PSdeG, exerce o seu dereito ao voto no colexio A Escardia. O socialista ten na actualidade unha folgada maioría absoluta con 12 edís de 21 en Ravella

13:21 h | O actual alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, vota no CEIP O Grupo

13:05 h | Amparo Cerecedo, candidata do BNG na Pobra do Caramiñal, vota na Casa do Concello

12:49 h | O candidato do PSdeG á alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, vota no Recinto Feiral da cidade do Lérez

12:19 h | A neta de Marisol Villar, candidata no Noia, acompaña a súa avoa a votar no colexio do Tapal

12:02 h | A candidata do Partido Popular en Vilagarcía, Ana Granja, vota no Auditorio municipal

11:51 h | Vicente Mariño de Bricio, candidato do Partido Barbanza Independiente á alcaldía de Ribeira, deposita o seu voto no CEIP O Grupo

11:32 h | A candidata polo BNG á alcaldía de Muros, María Lago, vota nunha das mesas electorais instaladas no colexio Ramón de Artaza. A nacionalista confía en obter un bo resultado para a súa formación, onde nas eleccións de 2019 conseguiu 2 edís

11:19 h | En Pontevedra, o candidato de Ciudadanos, David Díaz, exerce o seu dereito ao voto no IES Luis Seoane de Monte Porreiro

11:01 h | Un dos puntos quentes desta campaña está en Ribadumia. David Castro volve ás siglas do PP, esta vez como candidato, tras dous mandatos como alcalde con Independentes por Ribadumia. O candidato exerceu o seu dereito ao voto no centro social de Barrantes

10:45 h | O candidato polo PSdeG en Ribeira, o avogado Francisco Suárez-Puerta, exerce o seu dereito a voto no CEIP O Grupo. É a primeira vez que se presenta como candidato á alcaldía

10:28 h | En Muros, a actual rexedora e candidata polo Partido Popular, Inés Monteagudo, vota nunha das mesas habilitadas na Casa do Concello mentres agarda “unha ampla participación por parte da veciñanza”

10:02 h | Quenda para a candidata de Podemos-Marea da Vila, María de la O Fernández, aspirante á alcaldía de Vilagarcía. A alcaldable exerce o seu dereito a voto no centro sociocultural de Cornazo

9:51 h | O candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, protagoniza unha das anécdotas do día ao esquecer o seu carné e ter que volver por el ao coche. O nacionalista exerceu o seu dereito ao voto na casa cultural de Marcón

9:40 h | Bos días! Comeza a cobertura especial de Canal Rías Baixas nestas eleccións municipais, co minuto a minuto do que aconteza nas comarcas de Pontevedra, O Salnés, O Barbanza, Caldas, Muros e Noia. A partir das 20:00 h, Canal Rías Baixas emite un programa especial coa análise e o escrutinio en directo das nosas áreas de influencia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí