A PDRA trasládalle ó delegado do goberno a preocupación polo punto de vetido en Sálvora

BOIRO> O Delegado do Goberno en Galicia mantivo un encontro con representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa en Boiro. Ademais de trasladarlle a súa oposición ó punto de vertido de áridos na contorna da Illa de Sálvora, os representantes da entidade expuxeron tamén outras demandas como a exención das cotas á Seguridade Social das mariscadoras ou a modificación do Regulamento de Costas.

Foron moitos os temas abordados na reunión entre os membros da PDRA e o delegado do goberno aproveitando a súa visita a Boiro. O principal centrouse na autorización do punto de vertido de lodos e restos procedentes do dragado do Lérez na contorna da Illa de Sálvora, cos consecuentes prexuízos  para unha ría xa moi afectada.

Nun clima de cordialidade e entendemento, o delegado acolleu con interese esta e outras demandas da plataforma como a solicitude de eximir do pago das cotas á Seguridade Social ó colectivo de mariscadoras ante os graves problemas que atravesa o sector.

Por último, analizouse tamén a modificación do Regulamento de Costas así como a necesidade de incrementar as taxas arancelarias ó marisco foráneo para evitar a competencia desleal.