Mar centra as súas liñas de traballo na colaboración directa co sector

    BARBANZA> A Consellería do Mar seguirá a apostar pola colaboración directa co sector no seu plano de actuación ata o 2020. Rosa Quintana comprometeuse á elaboración dun informe anual coas inquedanzas dos profesionais para o seu debate parlamentario. A Conselleira do Mar comparecía no Parlamento para dar conta das liñas xerais de traballo do seu departamento de aquí a 2020. O denominador común de tódalas actuacións será o diálogo e a cooperación co sector establecendo un modelo de cogobernanza para axilizar a relación entre a administración e os profesionais. Unha das principais medidas para favorecer esta colaboración será a elaboración dun informe anual do Consello Galego de Pesca onde se reflictan as principais inquedanzas do sector. Inquedanzas entre as que destacan a consecución dunha maior competitividade da flota pesqueira. De aí, a necesidade de seguir vixilantes ante a negociacións das cotas pesqueiras en Europa, o regulamento de medidas técnicas e de control ou a normativa sobre a eliminación dos descartes. Nesta mesma liña, Rosa Quintana destacou o seu compromiso coa pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura a través de medidas que doten de maior seguridade a estes subsectores e favorezan un incremento da súa produción. As melloras na comercialización dos produtos, a garantía da seguridade no mar, o investimento nas infraestruturas portuarias ou a loita contra a contaminación mariña son outros dos eixos fundamentais que marcarán a folla de ruta de Mar, de aquí ó final da lexislatura.