O xuízo polo accidente mortal de Palmeira será en decembro

RIBEIRA> Transcorreron catro anos dende aquela, pero nas familias das vítimas pesa aínda o recordo do tráxico suceso.

A acusación particular ten solicitado doce anos de prisión para a condutora do outro vehículo implicado no accidente, que colidiu de fronte co coche no que viaxaban os dous mozos falecidos.

Considérana culpable de dous delitos de homicidio con dolo eventual, aquel que se dá cando o autor non descarta que se poida producir dano derivado da acción que vai a realizar, pero aínda así a fai.

Os avogados das dúas vítimas consideran ademais probados que os feitos que se xulgan son constitutivos dun delito de condución temeraria e outro de circular baixo os efectos do alcol e as drogas.

A Fiscalía pola súa banda solicita para a acusada, unha condena de catro anos de prisión, unha multa de dous anos cunha cota diaria de seis euros e a privación de conducir vehículos a motor durante un período de seis anos.

Segundo se recolle no informa realizado polo equipo de reconstrución de accidentes da Garda Civil de Tráfico, o vehículo que conducía a acusada circulaba a unha velocidade duns 130 quilómetros por hora no momento da colisión, dobrando o límite de velocidade permitido nesa zona, e invadindo o carril contrario, chocando contra o turismo no que viaxaban os dous mozos falecidos.

O xuízo está previsto que se celebre do 19 ó 21 de decembro na sede da Audiencia Provincial. O primeiro día está previsto xa que declare a principal acusada, e os días posteriores declararán os testemuños e os peritos que realizaron os diferentes informes. Xa o último día será o xurado popular o que se encargue de emitir o veredicto.