O Día Internacional da Síndrome de Down vólvese reivindicativo

PONTEVEDRA> O Día Internacional da Síndrome de Down tivo onte os seus ecos en diferentes puntos da nosa xeografía. Esta presenza foi especial en Pontevedra, que acolleu os actos para toda Galicia. A Federación Down Galicia e Down Pontevedra conmemoraron a cita na Praza da Pedreira, baixo o lema “Incluír é construír”. A festa e a reivindicación tomaron onte a Praza da Pedreira en Pontevedra. Festa para conmemorar o Día Internacional da Síndrome de Down e celebrar os 25 anos de traballo da Asociación Down Pontevedra “Xuntos”. Por todo o camiño que queda por diante, a festa tivo tintes reivindicativos. Baixo o lema “Incluír é construír”, as persoas que padecen esta síndrome reclamaron o seu espazo na sociedade. Persoas con síndrome de Down demostran as súas capacidades día tras día. En Pontevedra, son 17 as que están a traballar en empresas ordinarias. En Galicia, 130 fixérono durante o ano pasado. A cita contou cunha ampla representación institucional: vicepresidente da Xunta, alcalde de Pontevedra, deputada de cohesión social… A todos, o presidente de Down Galicia pediulles que muden a mirada, con leis inclusivas. Down Galicia entregou tamén os seus cuartos premios, que recoñecen o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas con esta síndrome. Na categoría institucional o galardón recaeu no IES Montecelo. Ángel Barreiro foi o recoñecido como persoa particular, pola súa colaboración na realización da gala anual da asociación. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/22/dia_sindrome_down_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/22/dia_sindrome_down.mp4{/flowplayer}